|
|
| Lía estes días con gran interese o libro de Xavier Roig “A Dictadura da Incompetencia” (Editora 2.0), no que fala de como enfrontarnos aos efectos do actual espírito acomodaticio que impera na nosa sociedade. Propón a independencia intelectual, e boas doses de esforzo individual, para solucionar eses e outros problemas que afectan á nosa sociedade civil. |
Digo todo isto, porque na semana que agora remata, o nivel de incompetencia que se observa na clase política, tanto nos que en teoría mandan, como nos grupos da oposición tanto a nivel estatal, como do país, é francamente alarmante. Sempre bailando no precipicio da paciencia da sociedade civil, os nosos políticos semellan desenvolver a súa actividade en universos paralelos aos da realidade social. O goberno socialista do Estado representa a negación da intelixencia necesaria para comandar unha situación, que a súa incompetencia fai imposible. Unha oposición na que o seu líder suxire como modelo para tomar as drásticas medidas necesarias, un “plan Cameron”, no que os seus recortes nas políticas sociais e educativas, só poden cualificarse de alarmantes, e socialmente inasumibles. Se Rajoy consultase á Casandra de quenda, ao mellor dicíalle que observa un futuro no que non quede buque que comandar, por encallar nas rochas da crise provocada polos sinvergonzas que realmente gobernan este mundo, e que deixarían ao “Avaro” de Molière ao nivel dun bolseiro. De aí a necesidade de que o principal partido da oposición, -coa lexítima petición que comparto de convocatoria de eleccións-, se poña a remar en coordinación co xa moi incapaz capitán do navío, para que non queden finalmente só restos do naufraxio.
Na nosa terra esta semana, esa “dictadura da incompetencia” fixo que o líder da oposición, Manuel Vázquez, fixese unha gravísima acusación ao actual executivo galego, -sen ningún tipo de probas-, sobre o pagamento aos médicos dunha ridícula cantidade de 30 euros, por dar altas. A acusación, que nos “corrillos” xornalístico-políticos cualifícase de “rumor de cafetería”, causa unha alarma social tan preocupante, que só quedan dúas posibles solucións, ou ben aportar as probas de tamaña indignidade delituosa, e polo tanto a dimisión en cadea de todos os responsables da consellería de quenda inductores, ou a do propio líder socialista, nunha cuestión na que non pode haber termos medios... Fronte á dictadura dos incompetentes, rebelión cívica racional.
Ou non?


Twitter
Myspace
Chuza
Digg
Del.icio.us
Yahoo
Technorati
Googlize this
Facebook
Wikio
Meneame
