![]() |
| Sempre hai seres que se intitulan intelectuais que encontran a súa razón de ser cando aparece algún fenómeno sociolóxico. Non se sabe moi ben o motivo, pero existe a tendencia a crear xeracións englobadas segundo a actualidade que impera na capital do Reino. |
Algúns creo que aparecemos nos manuais do século XXII baixo centos de epígrafes, cada cal máis disparatado. Nos últimos meses falábase de xeración Nin, que non sei moi ben o que é. Cada vez que sobe o paro, sempre hai a tendencia a asentar nas estatísticas a un grupo de xente que nin quere nin pode traballar, o cal non deixa de ser un contrasentido. Tal como está o mundo, nada ten sentido, senón que son modas que algunhas até perduran, como a maía de prender lume ao monte e plantarlle lume á caña.
Non hai moitos anos, descoñezo se agora sucede, falouse da xeración light. Aquela que comía alimentos baixos en calorías, ou algo así. Peritos haberá que a saiban definir, aínda que eu recoñezo que hai tempo que non oi falar dela até que hai uns días oín falar a dous rapaces, de ambos sexos, que se apuntaran a unha queimada e que non a probaron xa que non era baixa en calorías e se callar até engordarían uns gramos. Penso que non lles iría mal, porque todos están vestidos e peiteados da mesma forma monocultural da que ían os seus pais hai trinta anos cando daban os seus primeiros coqueteos co alcohol queimado entre as areas das praias galegas nos meses de verán.
O fenómeno este da queimada, ademais de ser un disparate moderno e un atentado á tradición galaica, facela con sacarina era o que lle faltaba. O que comezou como un despropósito para intoxicar turistas e animar as bulerías nas praias nos anos setenta do século pasado vai camiño de aparecer nos menús dos restaurantes, como o licor café, que mandou ao desterro a licor de guindas de toda a vida.
Hai que poñerse no caso dos nosos antepasados, xente recia e brava, e se remexerían desde os seus ataúdes se visen que os seus netos tiraban de cliper para prenderlle lume á caña, modernamente coñecida como augardente, despois dos esforzos que tiveron que pasar para conseguila e racionala durante todo un ano para que houbese un grolo diario. Pois nada, que xa non só os turistas, se non que os seus descendentes tiran de edulcorante para mesturar á augardente. Xa estamos todos descafeinados.


Twitter
Myspace
Chuza
Digg
Del.icio.us
Yahoo
Technorati
Googlize this
Facebook
Wikio
Meneame
