
| Éxito da manifestación contra Reganosa |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Domingo, 30 de Setembro do 2007 | Sociedade | |||
Baixo o lema 'Non á autorización, planta de gas fóra da ría', os manifestantes partiron do peirao de Curuxeiras do porto de Ferrol ás 12.15 horas e finalizaron a protesta na praza de Armas, ante o Concello de Ferrol, sobre as 13.30 horas. Na manifestación reclamaron ao Goberno central que non se conceda a Acta de funcionamento definitivo á regasificadora, porque o Comité asegura que non se cumpren as condicións establecidas na Autorización Administrativa Previa de 2002: a distancia legal á poboación, segundo a Directiva Deveso II; e a saída ao mar dos gaseiros en caso de emerxencia (norma EN-1532), xa que os buques cargados só poden navegar con seguridade pola ría con preamar. A instalación, que xa recibiu a descarga de sete buques gaseiros, dispón dunha Acta de Posta en Servizo Parcial ou probas desde maio prorrogada o pasado 8 de agosto, nunhas medidas que os manifestantes cualificaron de "fraude de lei" e "argucia legal". Así mesmo, os veciños do núcleo de Mehá (Mugardos), pechados desde hai 69 días no concello da localidade, para reclamar que a planta de gas non sexa autorizada definitivamente preguntaron publicamente "en caso dunha catástrofe, quen será o responsable?". A mobilización contou co apoio de colectivos cidadáns de toda Galiza. Destacou a presenza de representantes de Izquierda Unida-Esquerda Unida, que goberna en coalición co PSOE en Ferrol, membros de CC.OO., CIG e USTG. Na protesta participou, así mesmo, o ex-voceiro nacional do BNG Xosé Manuel Beiras. En declaracións aos medios de comunicación, asegurou que "Reganosa é unha arbitrariedade absoluta que conculca a legalidade máis elemental, que pon en perigo aos cidadáns, e que significa un sometemento do poder político elixido polos cidadáns aos intereses do capital privado". Así, Beiras criticou a situación actual de Reganosa por "irracional e auténtica barbarie", e censurou que os poderes políticos se "preguen" aos "caprichos dos intereses do capital". Asegurou que a "única saída digna" é a situación de Reganosa no porto exterior, pero lamentou que Caneliñas non dispoña aínda de accesos. Achacou esta situación ao porto exterior da Coruña, que cualificou de "atrocidade", "saco sen fondo", e "escándalo aínda superior ao da Cidade da Cultura".
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|