 |
Pasaran cinco anos, cinco anos dunha traxedia que para algúns é un capítulo dun pasado xa esquencido. Unha nódoa diluída no tempo.
Podería ser hoxe o fatídico día no que as nosas costas se tinxiron de negro, non o é mais podería selo porque a día de hoxe seguimos coa mesma indefensión daqueles días, porque seguimos a depender das decisións tomadas onde non está o noso mar e porque o tráfico de petroeiros perto das nosas costas segue a ser unha constante.
|
Un artigo escrito o 17 de novembro de 2002? ou do 13 de novembro de 2007?
"UNHA vez máis as nosas costas son protagonistas dos informativos, por nada bo porque para outra cousa non se lembrarían da tan insólita “Costa de la Muerte” e moito menos citarían tan exótico lugar como o chamado “Muksía” en “La Coruña”.
Pero hoxe non me vou meter con tan eficientes locutores e xornalistas que fan o imposible por pronunciar palabras impensables en linguas varias como inglés, ruso ou finés, mais son incapaces de respectar e pronunciar a tan difícil como oficial toponimia galega.
Hoxe o que me doe é ver que o único que parece importarlles aos gobernantes que temos, e que están vivindo moi ben grazas a nós ou ás nosas costas segundo o queiramos ver, é se o “Prestige” ía con destino a Xibraltar ou non. A min ben pouco me importa o lugar cara onde se dirixira o tal petroleiro, a min o que me importa é que permitan que barcos de características semellantes circulen e campen ás súas anchas todos os días polas nosas costas sen a máis mínima garantía de seguridade.
Non é un caso illado, non é algo que non teña consecuencias, ¿cantas embarcacións con mercancías perigosas transitan o noso litoral a diario?, ¿cantos barcos de características semellantes non pasan pola Galiza todos os días?.
É unha auténtica vergoña que non se faga nada por evitar que buques como o “Prestige”, sen medidas de seguridade, cunha tripulación carente de formación adecuada e xente desalmada que fai cartos a costa deles e da fauna e flora da miña terra ou de calquera outra, circulen sen mesura.
¿Que fai a Xunta mentres a mancha de petróleo está a chegar xa ás praias?, pódese ulir, pódese ver, só a Xunta e a Delegación do Goberno parecía ignorar o que se nos viña enriba, aquí non pasa nada.
Penso que se actuou como sempre: tarde, mal e arrastras, pero seica somos cidadáns de terceira. E non será porque é novidade, porque antecedentes haber hai ben deles por desgracia, non é o primeiro petroleiro que provoca un desastre ecolóxico no noso mar, nas nosas praias..., un desastre económico que nos afecta a todos os galegos e moi directamente aos mariñeiros e mariscadores que xa non o tiñan moi doado para tirar para diante.
Habería que controlar as embarcacións, habería que impedir que este tipo de buques sigan navegando tan perto das nosas costas. Señores da Xunta, señores do “goberno amigo” da España, comisarios europeos, póñanse as pilas ¿para cando é que pensan facer algo?, ¿ten que haber outro “Urkiola”, outro “Casón”, outro “Mar Egeo” ou outro “Prestige” para que reaccionen?, ¿ou será que non lles importa nada?, ¿teñen o corazón de fuel oil? "
Era o 17 de novembro de 2002, mais podería ser hoxe.
Comentarios () |
|
|
|
|
|