 |
Mariano Rajoy non tiña bastante con anunciar que o amigo de Aznar, e ex-presidente de Endesa, Manuel Pizarro, o acompañaría nas listas por Madrid, cando a última hora da tarde daba a coñecer a súa decisión de non incluír a Alberto Ruiz-Gallardón na súa candidatura. |
Rajoy tomaba a decisión nunha tensa e difícil reunión na que tamén estaban presentes o secretario xeral, Angel Acebes; a presidenta madrileña, Esperanza Aguirre, e o alcalde, Ruiz Gallardón.
Fontes do partido aseguran que a presidenta da Comunidade de Madrid lle lanzou un órdago en toda regra a Rajoy ao dicirlle que ela tamén quería ir como candidata. Dado que é incompatible ser presidenta e presentarse ao Congreso, iso supuña que Aguirre dimitiría do seu actual cargo para que se tivesen presentes as súas aspiracións, do mesmo xeito que as de Gallardón.
"Ambos reiteraron o seu ofrecemento para formar parte da candidatura do PP en Madrid para as vindeiras eleccións", recoñecíase na nota oficial.
Vendo que ningún dos dous cedía nas súas pretensións, o xefe da oposición agradeceulles a ambos a súa disposición e comunicoulles que continuarían "nas súas respectivas responsabilidades institucionais para as que os elexiron cidadáns hai escasos meses".
Gallardón resulta o perdedor desta contenda, el mesmo - a piques de deixar caer pola súa emocionada faciana (ao máis puro estilo fraguiano)un atisbo de bágoa - afirmou sentirse derrotado.
Persoas do seu círculo sinalaban onte que despois do 9 de marzo podería plantexarse a súa marcha, non se sabe se da política ou tan só do partido ao que leva entregada a meirande parte da súa vida. Por suposto ten todo o dereito a sentirse traizoado e ferido, mais que Rajoy contase co Gallardón suporía unha desobediencia aos fíos que o manteñen á fronte do partido.
O núcleo máis duro e dereitoso do PP é o que non quere a Gallardón e o relega unha e outra vez. Como Aznar, Acebes, Zaplana ou a propia Esperancita ían consentir que un home con criterio (non unha Marianomarioneta) e procedementos e ideas máis próximas a un centro liberal reformista lles coma terreo a eles???
A súa xente asegura que el entrou no despacho de Rajoy sabendo que ía nas listas e que só esperaba coñecer en que posición.
A posición lla predeterminaron antes os Aznar, Acebes, Zaplana... e por suposto a súa benquerida Esperanza, que non perde a esperanza de verse na presidencia do goberno, ou cando menos na candidatura, cando caia Mariano.
Aínda que Mariano conte co favor mediático e a axuda inestimable de Pedro J., non está claro que dentro do seu propio partido todos queiran que gañe.
A algúns pódelles interesar para mover os fíos na sombra, mais a outros como a Esperancita poida que os delate un sorriso maquiavélico ao verse ela no cumio ou na Moncloa.
Desbancado Gallardón e derrotado nas urnas Mariano... a quen poderían poñer como candidata á presidencia nas próximas eleccións?
Xa dicía D.Manuel, con isto o PP perderá votos, e non é o cariño por Gallardón que o cega senón unha evidencia.
O que está claro é que Esperanza Aguirre sae fortalecida. Agora non só conta co apoio do PP de Madrid e boa parte dos presidentes "rexionais", senón que demostrou a súa forza. Non só no pulso que mantiña co rexedor, senón tamén sobre Rajoy.
No caso dunha derrota do PP nas xerais, contaría con máis bazas para optar á sucesión? Ou por ser unha muller dentro do PP a relegarán a un segundo plano? Un ministerio? unha vicepresidencia segunda?
Ela a varrer e facer o traballo suxo e despois xa se verá quen vai de número un.... non vaia ser que peitee mostacho.
Igual mellor é permanecer na incógnita uns cantos aniños máis.
Comentarios () |
|
|
|
|
|