 |
Os bispos deixan meridianamente claro que non se vote ao PSOE. Así se desprende da nota que deu a coñecer a Conferencia Episcopal, na que ofrecen as súas orientacións para as eleccións xerais do 9 de marzo. Nela, os católicos non deben apoiar nas urnas a quen negociaron con ETA (PP), aprobado o matrimonio homosexual ou deixan aberta a porta a ampliar a lei do aborto.(Nin que no PP non houbera homosexuais, dirixentes incluídos, e nin que a súa dupla moral non os levara a practicar abortos) |
O voceiro da Conferencia Episcopal, Juan Antonio Martínez Camiño, que foi o encargado de presentar a nota, dixo: "En España, nestes momentos, hai varias leis gravisimamente inxustas e que deben ser cambiadas, como é a que modifica o Código Civil na cuestión do matrimonio".
Será mellor non casar e andar espallando "sobriños" polas parroquias... ou tamén como algún que outro modelo PPopular de matrimonio e familia "como Deus manda" que casa ao xeito botellil, peras con mazás, mais fóra da casa fai compota.
Cando se lle preguntou se a Conferencia Episcopal comparte as duras declaracións que o cardeal Agustín García-Gasco pronunciou o pasado 30 de decembro na praza de Colón de Madrid, nas que sinalaba que o laicismo radical leva á "disolución da democracia", confirmouno.
Pois será tamén que o beatismo do que vai baixo palios logo de vir de matar ou mandar matar, como facía aquel suxeito de Ferrol que por sorte non tiven que padecer, é máis axeitado.
De todos xeitos, quen dixo que un político, militante ou simpatizante do PSOE, BNG, ERC, ou de calquera outro partido dos que á xerarquía eclesiástica parece non gostar, non pode ser católico e máis recto e practicante que calquera outro do PP? Acaso no PP non hai ateos?
| A referencia á política antiterrorista na directriz dos bispos é diáfana, xa que descualifican duramente o proceso de paz protagonizado por Zapatero . "Unha sociedade que queira ser libre e xusta non pode recoñecer explícita nin implicitamente a unha organización terrorista como representante político de ningún sector da poboación, nin pode tela como interlocutor político", asegura a nota episcopal.
Logo non sei como é que son tan amiguiños do PP, que non só tivo conversas e cualificou as súas negociacións de proceso de paz, senón que fixo concesións aos terroristas. Ou achegar e xuntar presos non é un "xesto"?
|
|
Antes de votar, aseguran, os católicos e os cidadáns en xeral deben "ter en conta o aprecio que cada partido, cada programa e cada dirixente outorga á dimensión moral da vida". Con iso, engaden, "non pretendemos que os gobernantes se sometan aos criterios da moral católica, pero si que se ateñan ao denominador común da moral fundada na recta razón e na experiencia histórica de cada pobo".
Por suposto, eu teño claro que hoxe por hoxe - dos partidos con representación parlamentar - o que anda máis lonxe da moral e dos preceptos e ensinanzas de Xesús é o PP. O que non entendo é a querencia da igrexa por partidos que non se posicionan xunto a quen estaría máis próximo a quen din seguir.
Os bispos a rezar e os políticos a gobernar, e a conciencia e crenzas de cada un son de cada un e nunca dunha institución ou partido.
Comentarios () |
|
|
|
|
|