|
|
| Representantes de PPdeG, PSdeG e BNG reuníronse coa dirección da TVG para avanzar na negociación das condicións do debate que reunirá o vindeiro mércores 27 de febreiro aos tres líderes políticos galegos, mais a localización para celebralo, así como se se emite en directo ou en diferido foron as principais diferenzas que mantiveron. |
A TVG presentou un plano de cobertura do cara a cara de Emilio Pérez Touriño, Alberto Núñez Feijóo e Anxo Quintana que prevé a emisión en directo dende o Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, dun espazo de 70 minutos cun corte de cinco minutos. Así, propuxo que os líderes políticos aborden catro bloques temáticos (economía, infraestruturas, autogoberno e políticas sociais) en bloques de 15 minutos por tema.
Segundo informaron fontes que participan na negociación das condicións do debate, a TVG propón tamén que o condutor do espazo sexa o xornalista do ente público Alfonso Hermida e que cada dirixente político dispoña de minuto e medio de apertura e un minuto de peche para as súas exposicións. Os detalles das quendas de apertura e peche, así como a orde de intervención serán negociadas entre os responsables políticos.
Nembargantes, o PP alega que nun primeiro plano de cobertura da campaña das eleccións do 9 de marzo, a TVG formulara emitir o debate gravado previamente a tarde do 27 de febreiro. Así, rexeita a emisión en directo porque xustifica que o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, xa ten actos de campaña electoral comprometidos.
Pola contra, o PSdeG aposta por que sexa en directo porque "os grandes debates non se emiten gravados" e atribúe a un intento de "xerar tensión que non é razoable" as "pegas" que pon o PP, que denuncia que o formato e a situación para o cara a cara foi decidido pola televisión pública "sen consensuar con ninguén". "É unha política de feitos consumados", criticaron as fontes populares consultadas.
Os representantes dos tres partidos políticos volverán reunirse hoxe para seguir avanzando nos detalles do primeiro debate entre os tres dirixentes das forzas con representación no Parlamento galego e sobre todo en canto aos tempos e quendas de intervención, unha cuestión que aínda non entraron a abordar a fondo.
Comentarios () |
|
|
|
|
|