
| Raúl sucede a Fidel |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Luns, 25 de Febreiro do 2008 | Internacional | |||
O encargado de facer o anuncio oficial do sucesor de Fidel Castro foi o presidente da Asemblea Nacional, Ricardo Alarcón Quesada, que tamén acababa de ser ratificado no seu cargo. Non houbo sorpresas e revelou os resultados da votación segreda celebrada minutos antes polos deputados que conforman o Parlamento cubano. Desde ese momento Raúl Castro pasaba a ocupar a Presidencia. No seu primeiro discurso ante a Asemblea Nacional, Raúl Castro mostrou a súa intención de seguir consultando co seu irmán as decisións "de especial transcendencia" para o futuro da illa, entre as que citou as vinculadas coa defensa do país, a política exterior da revolución e o desenvolvemento socioeconómico da illa. Raúl Castro aproveitou a ocasión para aclarar que asume as súas novas responsabilidades consciente de que o comandante en xefe da revolución cubana é só un. "Fidel é Fidel, todos sabémolo ben. Fidel é insustituible e o pobo continuará a súa obra cando xa non estea físicamente", precisou, nunha das constantes referencias ao seu irmán no seu discurso. Noutro momento da súa intervención, interrompida en varias ocasións polos aplausos dos asistentes, o novo presidente anunciou que estudará unha revaluación "gradual" do peso cubano, para facer fronte á falta de poder adquisitivo da poboación, nun país onde o Estado paga en pesos cubanos e vende os produtos importados nunha moeda 24 veces máis forte.
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|