 |
O líder do PP, Mariano Rajoy, reiterou o seu compromiso de que, se gaña as eleccións, recuperará o "Plan Galicia" (no caso de existir), que o goberno de José María Aznar aprobou en 2003, e fará unha "aposta" polas infraestruturas porque a actuación do Ministerio de Fomento nesta lexislatura, recalcou, foi "un sainete, un 'pseudoesperpento valleinclanesco", baseado na "política de inauguracións". |
Así o asegurou Rajoy nun acto no Hotel San Martín de Ourense, xunto ao presidente do PP de Galicia, Alberto Núnez Feijóo, quen denunciou que non se lles permitira facer as declaracións na estación de ferrocarril, como estaba previsto nun principio, e o achacou a que o Executivo non quere que se faga público que todo está "como hai catro anos".
Nunha declaración pública sen preguntas -onde non fixo ningunha mención ao 'cara a cara' con Zapatero-, o presidente do PP prometeu celebrar un Consello de Ministros na Galiza nos cen primeiros días do seu mandato, se gaña o próximo 9 de marzo, porque nesta comunidade, dixo, a situación é "especialmente preocupante".
"O Plan Galicia será unha realidade se gaña o PP", resaltou.
O candidato popular sinalou que a estación en Ourense será "unha realidade" se o PP gaña, así como a autovía entre Santiago e Lugo, e entre Pontevedra e Vigo. Tamén o AVE de conexión pola meseta e o AVE de Ourense e Vigo. "Todas as cidades da Galiza estarán na alta velocidade ferroviaria", concluíu.
Baltar, o incondicional pepeiro ourensán, xa coa voz algo cascada de botar tanto improperio electoralista, afirmou que a España "está en mans dun insensato e dun incompetente, Pepiño Blanco e Zapatero ", "van a trancas e barrancas", e "non teñen nin talante nin talento".
Ante a posibilidade de que o PP perda un escano en Ourense prometeulle servil ao "madrileño": "Mariano, Ourense non che vai fallar".
E por non perder o costume, encherola vai encherola vén, ao máis puro estilo Fraguiano, entre simpatizantes de estómago agradecido.
Mais Vigo ben valía unha un mítin, e alá foi, sen présa mais sen pausa porque non hai AVE, plantouse na súa praza talismán.
Vigo é onde máis cómodo se sentiu o candidato popular, arroupado pola súa xente emocionouse, botou, falou da "nena de Rajoy" que "algún intelectual entre comiñas nunca entenderá", e até afirmou sentirse máis guapo que Zapatero (iso xa é optimismo) ante o piropo dunha espontánea. "Guapo!" ... "Máis que Rodríguez Zapatero , desde logo".
Ego non che falta, mais desde logo sobre gustos non hai nada escrito... a min persoalmente guapiño, o que se di guapiño, non me pareces, e logo xa se abres a boca....
Mais de todo canto dixo nos mítins que veu dar por terras galegas o que máis me sorprendeu foi a súa afirmación ou reafirmación de galeguidade, logo de renegar da súa lingua, de renegar da súa terra á que non citou nin por casualidade nos debates - salvo o lapso referido á inmigración no que dixo "mire usted yo soy gallego", como se galego fora sinónimo de inmigrante" - cando para el, cando está en Madrid ou mesmo aquí, o ser galego é anecdótico salvo para pedir votos.
Aínda pervive na miña memoria a tan célebre frase dos "hilillos de plasttilina" ou o recente "acoso do galego ao español".
"Son galego, sinto Galicia, creo en Galicia, vivín en Galicia e morrereime en Galicia dentro de moitos anos como todos os aquí presentes"
Naceu na Galiza, viviu na Galiza mais, é galego?
O subconsciente delátate: "morrereime"....
Mariano, os galegos "morremos", os españois "nos morimos", ... o que suspira por Madrid e inconscientemente morre en castelán....
Comentarios () |
|
|
|
|
|