 |
Nun mitin ante 1.600 persoas no pazo de congresos Palexco da Coruña, Aguirre sinalou que, para convencer aos indecisos para que voten "con cabeza e corazón", debe facerse con "milleiros de argumentos racionais, lóxicos e cerebrais" e co corazón porque "houbo moitas cousas que doeron como españois e amantes da liberdade". |
"Non podemos tolerar que un asasino de 25 persoas pasee por San Sebastián despois de darse unha ducha coa noiva nun hospital penitenciario; que os socialistas asinen un pacto con Esquerra Republicana de Cataluña polo que se comprometen a non chegar nunca a un pacto co PP, o máis antidemocrático e sectario da democracia española; que Zapatero chame a Otegui home de paz; que dea a consideración de interlocutor político a ETA; e que mentira sistematicamente", proclamou.
E esa mulleriña pensa que estes argumentos e falacias sistemáticas lle valen nunha cidade como A Coruña e nun país como a Galiza?
Aguirre considerou que o candidato á Presidencia do Goberno polo PP deu "dous soberanos repasos" ao presidente José Luis Rodríguez Zapatero nos debates que celebraron en televisión, ao contrapoñer "o coñecemento, a solidez e a experiencia de Rajoy, aos nervios, a ignorancia e a mala educación de Zapatero".
Esta veu uns debates diferentes dos que vin eu e máis a maioría de cidadáns. Non hai peor cego que o que non quere ver, e mellor mentireiro do que teima en repetir as súas falacias até crelas. Sen ánimo de ofender a ninguén, ignorantes e mal educados - ademais de mentireiros - non serán outros?
Ao falar de infraestruturas, a popular remarcou a importancia de que gañe o PP na Coruña e en Galicia "porque necesita o plan Cascos para traer o AVE". "O AVE tería chegado á vez que a Málaga á Coruña, pero a ministra que dixo que me quería ver colgada da catenaria ou tombada na vía é de Málaga e castigou a Galicia", afirmou.
Outra vaca vai no millo, e que foi logo o que fixeron os teus amiguiños 16 anos no goberno da Galiza e outros 8 de "goberno amigo" na España???
En materia de cultura, cualificou de "intolerable" que o cabeza de lista polo PSOE da Coruña e ministro de Cultura, César Antonio Molina, "defenda con entusiasmo" o canon dixital, que ao seu xuízo é "un imposto revolucionario que cobra Zapatero para premiar aos que o apoian co da cella", en referencia á campaña de apoio aos socialistas levada a cabo polos intelectuais.
Xa se sabe que a envexa éche moi maliña, será que non vos gusta que a xente que realmente vota con algo de cabeciña non o faga por vós?
Ademais criticou que a política educativa socialista colocara aos alumnos españois "á cola do mundo civilizado facendo experimentos que xa fracasaron en todos os sitios", e celebrou que o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía "dixera que os pais teñen o dereito a educar aos seus fillos en dereitos e valores", ao permitir que un menor non curse Educación para a Cidadanía.
Debe ser que é máis eficiente volver aos tempos en que estudaban uns cantos privilexiados e o sistema educativo xeral, público, era un centro de producción de man de obra barata, de masa pouco preparada e pouco crítica que, finalmente é a que vota coa cabeza e corazón que vós queredes.
Para rematar, a materia de "Educación para a cidadanía", será que non pretende formar e educar con valores aos cativos?
Por se che esqueceu, o ensino na Galiza, en galego. Aproveitarías que onte andaba un bus subversivo pola Coruña para agasallar a certo colectivo unha sinatura?
De certo que eles andarían polo teu mítin.
Finalmente, pediu o voto para o PP para que a Xustiza "deixe de estar nas mans sectaria de Bermejo e Conde Pumpido" e os españois "sexan todos iguais, vivan nunha rexión (isto non será referíndose á nación galega, non si? ) na que se vota ao PP ou nunha na que se vota ao PSOE".
Esta si que é boa. Falou quen ten os xuíces consevadores e sectáreos da man ( que veñen sendo moitos), e falou quen non gosta da igualdade, xa empezando polas políticas da muller, muller do PP.
Mágoa que escolleras un sitio tan grande para tan pouca xente, mentres, recórdoche que o teu querido inimigo ademais de encher deixou moita xente fóra do seu recinto porque non collía.
Poida que a diferencia estea en que a poucos coruñeses lles interesa o que teña que vir dicir alguén coma ti.
Comentarios () |
|
|
|
|
|