|
Portugueses explotados na Galiza |
|
|
|
Redacción MundoGaliza
|
Sábado, 15 de Marzo do 2008 |
Portugal
|
 |
Tres de cada dez obreiros da construción son portugueses na Galiza. A novidade é que no sector público a metade dos traballadores que constrúen o AVE galego nas provincias de Pontevedra e Ourense son portugueses, con custos salariais un terzo máis baixos e máxima dispoñibilidade horaria. |
Xosé Xan Melón, secretario nacional de CIG Construción, denuncia unha clara situación de dumping social, ou competencia desleal, co emprego de milleiros de obreiros portugueses, e co agravante de que se trata de construción financiada polo Estado.
Xornadas continuas de 10 e 12 horas (só descansan hora e media para xantar), por salarios de 6 euros á hora, sen dereito a vacacións, son as condicións habituais dun traballador portugués, fronte aos 9 euros á hora e un máximo de 8 horas de xornada estipulados en convenio para os traballadores galegos.
"Estase a tirar o prezo do traballo e isto xera unha situación de rexeitamento e xenofobia por parte dos traballadores galegos", alerta Melón. Desde o sindicato insístese en deixar claro que non existe repudio cara aos operarios portugueses -para os que esixen igualdade de condicións que un obreiro galego-, mais si cara ao subcontratista.
Que fai a Inspección? O sindicato denuncia a existencia dun pacto non escrito entre os Executivos de España e Portugal para permitir esta desigualdade. "O Goberno luso amortece a crise, e o Goberno español abarata custos e recurta prazos de execución", segundo afirma Melón.
Comentarios () |
|
|
|
|
|