
| Os 'Premios Nacionais da Cultura Galega' dotados con 150.000 euros |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Martes, 25 de Marzo do 2008 | Cultura | |||
Estes galardóns, que nacen con vocación de continuidade, abertos á participación e como recoñecemento "global" da cultura que se fai na Galiza, concederanse nas categorías de 'Arquitectura e Espazos Públicos', 'Artes Visuais', 'Artes Escénicas', 'Literatura', 'Música', 'Patrimonio Cultural', 'Pensamento e Cultura Científica', 'Cinema e Audiovisual', 'Iniciativa Cultural' e 'Cultura Tradicional e de Base. A convocatoria aparece publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), tal e como explicou o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, quen dixo que con esta iniciativa responde a "unha vella demanda" e a "un anhelo" do mundo da cultura na comunidade e que fai que Galiza "se equipare a outras nacións" á hora de "recoñecer" ás persoas ou colectivos que destaquen no enriquecemento da cultura galega. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, recoñeceu que "esperan moito destes premios" que, resaltou, se conciben como a "ferramenta adecuada para facer máis visible o traballo en favor da cultura galega e o seu dinamismo" e como "un paso máis no proceso de normalización da cultura galega". O xurado, presidido pola conselleira de Cultura, estará integrado nesta edición, ademais de por Xosé Ramón Barreiro, por María Xosé Agra Romero, catedrática de Filosofía Moral e Política de USC; Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da USC e presidente do consello da Cultura Galega; Rosario Álvarez Blanco, catedrática de Filoloxía Galega e directora do Instituto da Lingua Galega; Xosé Luis Barreiro Rivas, profesor e director do Departamento de Ciencias Políticas da USC; e Xosé Manuel Buxán Bran, profesor de Escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo (UDV). Tamén son membros do tribunal encargado de elixir aos galardoados María Bouzas, actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual; Domingo Docampo Amoedo, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da UDV; Laura Tato Fontaíña, profesora de Filoloxía e Humanidades da Universidade da Coruña (UDC); María Isabel Fraga Vila, directora do Museo de Historia Natural Luis Iglesias da USC; Celestino García Braña, arquitecto e decano do Colexio de Arquitectos de Galicia; Ana Romaní Blanco, escritora, directora do Diario Cultural da Radio Galega; John Rutherford, tradutor, escritor e profesor do Queen's College da Universidade de Oxford; Felipe Senén López Gómez, museólogo e xestor cultural da Deputación da Coruña; e Xurxo Souto, músico e escritor, director de programas da Radio Galega.
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|