 |
O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá o xoves, aproveitando o Día Mundial do Teatro, a gala da de XII edición dos Premios María Casares, nos que se entregarán os galardóns aos gañadores de cada unha das 13 modalidades, así como o premio de honra que este ano recae en Rubén García, promotor da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. |
Estes galardóns son concedidos pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), e na gala colabora o Concello da Coruña, co patrocinio do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) e a Fundación Aisge, e a colaboración da Axencia Audiovisual Galega, o Concello de Sanxenxo, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, Gadis, Caixanova, a Fundación Autor da SGAE e a Cadena Ser Galicia.
O presidente da AAAG, Vicente Montoto, recordou que este ano se celebra de forma parella o XXX aniversario do teatro profesional galego.
O premio de honra nesta ocasión recaerá no actor ourensán Rubén García como recoñecemento á posta en marcha en 1984 da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que serviu para "colocar a esta localidade no mapa nacional das artes escénicas".
Na gala do xoves entregaranse os galardóns aos traballos de mellor maquillaxe, mellor vestiario, iluminación, música orixinal, adaptación-tradución, tradución, escenografía, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección e espectáculo, contará cun manifesto galego escrito por Suso del Toro con motivo do Día Internacional do Teatro.
As compañías Lagarta Lagarta, o Centro Dramático Galego (CDG), Teatro de Ningures, Pistacatro, Sarabela Teatro, Teatro de Morcego, Bacana, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico e Berrobambán son as nomeadas para esta edición que se celebrará a partir das 20.30 horas e será retransmitida en diferido pola TVG.
Comentarios () |
|
|
|
|
|