|
|
| O deputado nacionalista Bieito Lobeira denunciou a existencia de documentos internos da Garda Civil nos que se considera como elementos "sospeitosos" a controlar e perseguir elementos da simboloxía galega tales como adhesivos coas iniciais GZ ou bandeiras galegas coa estrela vermella. |
Lobeira explicou que no texto do corpo armado tamén se cualifica como "símbolos sospeitosos" o escudo deseñado por Castelao coa lenda 'Antes mortos que escravos', así como "un bo número de colectivos e entidades de carácter feminista, ecoloxista, cultural ou estudantil".
Para o deputado nacionalista, é "intolerable" dende o punto de vista democrático que as forzas e corpos de seguridade do Estado "criminalicen" nos seus programas de formación "elementos propios do país, asumidos por unha parte moi importante da sociedade galega".
Advertiu de que ser nacionalista "non pode ser considerado como delicto ou como presunción de comportamentos contrarios aos principios democráticos", sobre todo cando aínda existen en Galicia rúas, prazas ou edificios "con nomenclatura fascista".
O Movemento polos Dereitos Civís explicou que nas charlas de formación da Garda Civil en Pontevedra se repartiron informacións sobre o Movemento de Liberación Nacional Galego (MLNG), xa que o consideran "o segundo maior problema do terrorismo de España".
Explicaron que neses textos a Garda Civil "relaciona co MLNG" a colectivos como Ceivar, Briga, Agir ou Nós-Unidade Popular, así como ao sindicato CUT (Central Unitaria de Traballadores), á Marcha Mundial das Mulleres e ao movemento ecoloxista 'Galiza Non Se Vende'.
Manda chover na Habana!!
Comentarios () |
|
|
|
|
|