 |
A funcionaria do Concello de Dozón (Pontevedra) Ana Lois, que denunciou ser sometida a acoso laboral por parte do alcalde do municipio, Adolfo Campos, e que obtivo unha sentenza favorable, solicitou "amparo" á Xunta e ao Parlamento galego para que actúen contra o rexedor local, condenado a nove anos de inhabilitación por prevaricación. Tamén solicitou á dirección do PP a nível autonómico e estatal que aparten a Campos da alcaldía. |
Ana Lois explicou que a súa saúde "non aguanta máis" despois de pasar nove dos 18 anos que leva como funcionaria municipal, sometida a unhas condicións de traballo que lle causaron "danos permanentes e irreparables físicos e psíquicos" e que a mantiveron 900 días de baixa por accidente laboral.
Ana Lois cualificou de "imprescindible" a dimisión do alcalde, ao considerar que se trata da "única forma" de resolver a súa situación laboral. Por iso, depositou "en mans da política" a decisión de apartar da alcaldía a Adolfo Campos, ou que se lle conceda a invalidez para o seu posto de traballo no concello de Dozón.
A funcionaria, que se referiu a Campos como "maltratador", se emocionou durante a súa comparecencia ao agradecer o apoio de veciños de Dozón e compañeiros de traballo, especialmente a José Manuel Lorenzo López, recentemente falecido. Considerounos "xente valente que se atreve a falar con medo" e advertiulles de que polo seu respaldo poden recibir "represalias".
O representante legal de Ana Lois, Carlos Davila, afirmou que "só a política pode eliminar" a Adolfo Campos da actividade pública, polo que apelou ao PP a que o quite da súa listaxe de afiliados ou o repudie, argumentando que o rexedor local xa foi condenado por tres sentenzas penais. Por iso, instou ao presidente autonómico do PP, Alberto Núñez Feijóo, a "que saia publicamente a dicir algo".
En canto á situación de Ana Lois, Carlos Davila deu por seguro que "dentro de pouco collerá outra baixa, porque é inevitable", lamentando que sexa "obrigada a traballar co seu acosador".
E daquela, se está inhabilitado, como é que segue na alcaldía? Quen vixía o cumprimento das sentenzas?
Comentarios () |
|
|
|
|
|