
| Natalia Colombo gaña o I Premio Internacional Compostela |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Xoves, 03 de Abril do 2008 | Comunicación | |||
Natalia Colombo formouse na Facultade de Arquitectura, Deseño e Urbanismo da Universidade de Bos Aires, cidade na que reside; colabora co diario La Nación na ilustración de suplementos e participa coa súa obra en diversas exposicións. Tamén ten ilustrado libros de texto e álbums infantís que se publicaron en varias editoriais. Considerado polo xurado como un "perfecto álbum ilustrado", "Cerca" é unha fábula sobre a incomunicación, unha reflexión poética e profunda sobre as relacións interpersonais e o individualismo, sobre os desexos e as emocións. Dende o punto de vista literario destaca pola súa sinxeleza narrativa e a engranaxe interna do relato, que plasma o paralelismo entre as accións dos protagonistas: un pato e un coello que viven pechados na súa soidade; nese sentido, a obra invita ao lector a non darlles as costas aos demais, "privándose da posibilidade de compartir os momentos máis simples e felices da vida", como explica a propia autora. A nivel estético, Natalia Colombo mestura diversas técnicas, dende a pintura con acrílicos ata o collage, ademais de deseñar unha tipografía propia. Tamén emprega diversos recursos visuais que lle permiten xogar cos conceptos de movemento e simetría, sen esquecer a combinación de cores, texturas e materiais, que lle imprimen estilo e carácter propio á obra no seu conxunto. Precisamente, a noticia do premio a Natalia Colombo estase comunicando nesta mesma xornada no marco da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia (Italia), onde Kalandraka participa, xa que Arxentina é o país invitado na presente edición. Neste certame, que vai ter continuidade cunha segunda edición que se convocará o vindeiro outono, participaron autores e ilustradores de España, Portugal, Francia, Alemaña, Suecia, Italia, Dinamarca, Suiza, Israel, Arxentina, Brasil, Ecuador, México, Colombia, Uruguai e Perú. O xurado, que se reuniu o pasado 26 de marzo no Centro Sociocultural Municipal ‘O Ensanche’, en Santiago, estaba composto pola concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez; os artistas plásticos Fernando Krahn e Miguel Calatayud; o ilustrador Óscar Villán, o deseñador Marc Taeger, o escritor Xavier P. Docampo; o xefe do departamento de Educación e Mocidade, Xosé Manuel Rodríguez-Abella; Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka, e Beatriz Varela en calidade de secretaria técnica.
FINALISTA E MENCIÓNS ESPECIAIS O xurado apreciou a valía dun grupo de traballos que, á marxe do álbum gañador, tamén mereceron unha consideración especial. Así, calificaron como obra finalista do certame o proxecto elaborado polo autor asturiano -afincado en Cantabria- Javier Sobrino, xunto coa ilustradora arxentina -afincada en Barcelona- Rebeca Luciani. "La nube de Martín" é un texto de contido onírico sobre un neno capaz de imaxinar outras realidades; coa nube como vehículo simbólico para transportarse a ese mundo, o relato aposta por "valorar ese carácter soñador que ás veces pasa desapercibido", en palabras de Sobrino. Pola súa parte, Rebeca Luciani representa ese caudal simbólico cunhas ilustracións de moita forza expresiva coas que xoga a plasmar as sensacións que transmite o relato; unhas ilustracións "profundas" para unha historia "profunda", na que destaca o manexo da cor e o paso da nenez á adolescencia que experimenta o personaxe. Javier Sobrino é mestre de Primaria e pertence ao comité da revista de literatura Peonza dende 1986. É autor de varios traballos sobre literatura e animación á lectura; como escritor ten varios álbumes infantís publicados e foi premiado no I Concurso Internacional de Álbum Ilustrado Biblioteca Insular 2006, certame no que tamén recibiu un accésit. Rebeca Luciani estudou debuxo e pintura no Bacharelato de Belas Artes e na Facultade de Belas Artes da Universidade Nacional de La Plata. Traballa como ilustradora, imparte clases de ilustración e obradoiros infantís. Ten publicados varios álbums, algúns dos cales foros distinguidos en certames internacionais. O xurado tamén acordou mencionar, polo seu interese, os seguintes traballos: -"Trocar as voltas ao tempo", de José António Gomes e Gémeo Luis (de Porto, Portugal) -"Ovelhina dá-me lá", de Nicolás Arispe (de Bos Aires, Arxentina) -"La visita", de Isabel Minhós Martíns e Yara Kono (Portugal).
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|