
| Zapatero non logra a maioría na primeira votación |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Mércores, 09 de Abril do 2008 | Estatal | |||
Na votación celebrada hoxe no Pleno do Congreso, Zapatero só logrou o apoio dos 168 deputados presentes do Grupo Socialista --faltou a canaria Mercés Coello, con problemas para viaxar a Madrid polo temporal--, mentres que o PP, Esquerra Republicana e Rosa Díez (Unión, Progreso e Democracia) votaron en contra, sumando 158 'nons'. Houbo 23 abstencións entre CIU, PNV, Esquerda Unida, BNG, Coalición Canaria (CC), Iniciativa per Catalunya (ICV) e Nafarroa Bai. Non houbo opción a erros, xa que a votación foi pública e por chamamento, o que supón que os 350 deputados foron poñéndose en pé un a un para anunciar o seu voto de viva voz. Un sorteo determinou que a votación arrincase co deputado de IU, Gaspar Llamazares, que proclamou a súa abstención. Ao non conseguir a maioría absoluta no primeiro intento, a votación repetirase 48 horas despois, ou sexa o vindeiro venres ao mediodía. Aí bastará con contar con máis votos a favor que en contra. É a segunda vez na recente historia democrática de España que se necesita unha segunda volta para ser investido o presidente do Goberno. O precedente é Leopoldo Calvo Sotelo, de Unión de Centro Democrático (UCD), que en 1981 asumiu as rendas do Executivo trala demisión de Adolfo Suárez. Aquela votación, un 23 de febreiro, pasou á historia porque esa tarde foi cando se produciu a intentona golpista de Antonio Tejero. Agardemos que desta vez non haxa máis incidencia que a normal investidura de José Luis Rodríguez Zapatero como presidente de todos os españois.
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|