 |
A apresentación do novo gabinete ministerial de Zapatero encaixa dentro do efectismo mediático que caracteriza ao PSOE dende o efecto ZP. A pompa do cantar de xesta no que se converteu a intervención do recén investido, apenas cos votos das/os deputadas/os do seu partido, presidente do goberno central, da boa conta do empeño propagandístico que puxo para informar dos nomeamentos.
|
Zapatero insistiu unha e outra vez nos feitos "históricos" que son consecuencia dos seus nomeamentos: primeira muller ministra de defensa, nove ministras fronte oito ministros, a ministra máis nova da historia que será titular da nova carteira de igualdade... Inda así existe un escasísimo refresco, con moi poucos cambios e menos caras novas, co interese se cadra de non dar sensación de emenda.
Hai dúas cuestións que resultan moi preocupantes do novo elenco ministerial. Dunha banda o mantemento dos ministerios de vivenda e cultura, cando ambas áreas son competencias transferidas ás diferentes CCAA, e cando na anterior lexislatura xa quedou demostrada a pouca utilidade política e social da existencia de ambas carteiras, que agora mantéñense coincidindo co afán re-centralizador que non agochou Zapatero na sesión de investidura. Por outra parte o feito de diluír as políticas agrarias e pesqueiras, que para Galiza teñen unha importancia capital e estratéxica, dentro dun ministerio deseñado fundamentalmente para a política medio-ambiental e non produtiva.
No equipo de Jose Luís Rodríguez Zapatero mantéñense tres ministras/os de orixe galega, Cesar Antonio Molina, Elena Salgado e Elena Espinosa, das que haberá que ver se teñen a altura política de exercer tamén de galegas e galegos dende as altas responsabilidades para as que foron designadas, inda que a experiencia da anterior lexislatura non convide ao optimismo nese sentido.
Con todo o que si que non pode agochar o flash mediático de Zapatero é a debilidade do seu goberno, sustentado nunha exigua e mínima maioría, e que precisará do apoio doutras forzas políticas para desenvolver o paquete lexislativo necesario para a execución do seu programa. Esa debilidade do PSOE é unha fortaleza para Galiza, que conta con dous deputados, os do BNG, que serán decisivos. Senón ao tempo.
Comentarios () |
|
|
|
|
|