
| Protexer ás vítimas de violencia de xénero |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Mércores, 16 de Abril do 2008 | Portugal | |||
Sanjosé explicou que a proposta realizada polos fiscais galegos nestas xornadas tivo unha boa acollida, tanto por parte do representante do ministerio fiscal de Portugal, Joâo António Gonçalves, como por parte da representación da Fiscalía da Sala do Tribunal Supremo, e a intención é que o acordo se poida estender para ser rubricado no ámbito estatal. A proposta presentada xurdiu a raíz das dificultades que teñen as fiscalías para controlar as ordes de protección das vítimas ou as posibles fuxidas dos agresores, tanto no caso de que as vítimas sexan galegas e os seus agresores portugueses, como viceversa, xa estean a vivir en territorio galego ou portugués. Entre as medidas incluídas neste protocolo de boas prácticas, recóllese a necesidade de que os requirimentos e as peticións de colaboración entre os fiscais de ambos países "teñan trato preferente", así como o uso de medios tecnolóxicos, como a videoconferencia, para facilitar esta colaboración. Isto permitirá que un fiscal galego poida tomar declaración a un suposto agresor que estea en Portugal a través de videoconferencia, ou que a vítima poida prestar testemuño sen estar ao lado do maltratador.
As xornadas clausuráronas o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Carlos Varela; a secretaria Xeral de Igualdade, Carme Adán, e o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. Nese acto, Adán desvelou que, segundo os datos solicitados nas mesas de traballo cos axentes sanitarios, unha de cada tres mulleres que acoden a unha consulta de Atención Primaria é vítima de violencia machista. |
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|