
| Songoku non vaia poder falar en galego |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Xoves, 17 de Abril do 2008 | Sociedade | |||
Ao coñecerse que o DVD soamente sairá ao mercado con opción de audio en castelán, xaponés e catalán e opción de subtítulos en castelán, foron moitas as persoas que comezaron a dirixirse á distribuidora de produtos audiovisuais para interesarse pola razón pola cal entre as diferentes linguas nas que se poderá ver a serie non está o galego e mesmo reclamarlle que reconsiderasen esa decisión e incluísen tamén o idioma no cal durante tantos anos falaron Songoku e a longa listaxe de personaxes que o acompañaban a través dos nosos televisores.
Selecta Visión, por súa parte, vén respondendo a todos estes pedimentos e reclamacións que “non foi posíbel incorporar o galego ás opcións do DVD” debido, segundo asegura a distribuidora, “á inasumíbel política de prezos de cesión de dobraxes que ten a TVG”, en comparación “coa máis asumíbel doutras televisións autonómicas”.
Ao coñecer esta nova situación de discriminación da nosa lingua no ámbito audiovisual, a Mocidade pola Normalización Lingüística dirixiuse tanto á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza como á dirección da TVG para “pedir explicacións” polo que, segundo explicou o colectivo xuvenil, “sería a todas luces un incumprimento do compromiso contraído pola propia TVG coa Mesa en 2006 para ceder as súas dobraxes en iguais condicións ás da ETB vasca e a TV3 catalá”.
A Mocidade pola Normalización Lingüística recorda que grazas a aquel compromiso “a TVG cedeu gratuitamente a dobraxe para DVD da mítica serie Allo, Allo!, por exemplo” ou foi posíbel a inclusión da nosa lingua no da serie Heroes.
A sección xuvenil da Mesa exixiu “que se esclareza oportunamente o que aconteceu” para que Dragon Ball GT non vaia estar en galego e, asemade, “un compromiso claro” por parte da TVG “do cumprimento do acordado en 2006 para a cesión de dobraxes” de xeito que a canle autonómica “cumpra un dos seus principais cometidos: ser un axente activo e esencial na normalización e extensión social da lingua galega”.
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|