
| Catro horas de inspección |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Venres, 18 de Abril do 2008 | Cultura | |||
Os tres técnicos da Consellaría de Cultura, pertencentes á Dirección Xeral de Promoción Cultural, accederon á propiedade da familia Franco co obxectivo de realizar unha inspección e un inventario de bens que permita a posterior elaboración dun informe detallado sobre o estado de conservación. Esta visita, autorizada hai aproximadamente un mes por un auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), persegue avaliar o estado do inmoble co obxectivo de comprobar o seu grao de conservación e, posteriormente, decidir sobre a súa posible declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Os tres técnicos, que accederon nun vehículo ao interior do recinto no que se atopa o inmoble, foron recibidos polo avogado da familia Franco. O equipo encargado da inspección foi o mesmo que hai uns sete meses non puido entrar a realizar o seu traballo.
HISTORIA DO INMOBLE O Pazo de Meirás, inmoble inventariado como patrimonio histórico conforme á normativa galega na materia, é unha reconstrución dunha casa queimada en 1809 polos franceses na Guerra de Independencia. A pesar do seu aspecto medieval a actual edificación é de finais do século XIX, a primeira pedra colocouse en 1903, e pertenceu á escritora Emilia Pardo Bazán e a súa familia. O emblemático edificio mercáronllo aos herdeiros de Pardo Bazán autoridades coruñesas, encabezadas por Pedro Barrié de la Maza e Alfonso Molina, para regalarllo ao ditador e entón xefe de Estado, Francisco Franco, que o aceptou en decembro de 1938 e o converteu no seu lugar de veraneo e o da súa familia. Na actualidade a única filla do ditador, Carmen Franco Polo, mantén o seu costume de veranear nas Torres de Meirás, un espazo pouco utilizado para outros fins ao longo destes anos, con excepcións como o acto no que Luis Alfonso de Borbón, bisneto de Franco e fillo de Carmen Martínez-Bordiú e Alfonso de Borbón, pediu a man da venezuelana María Margarita Vargas-Santaelle, en xullo de 2004.
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|