
| Cinco anos de cárcere para o crego Benigno Moure |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Sábado, 19 de Abril do 2008 | Sociedade | |||
O fallo da Audiencia Provincial de Ourense, condena tamén ao sacerdote a devolver 573.673 euros, máis os intereses legais, ao denunciante e sobriño da anciá, César Vázquez Romero, dos que debe responder de forma subsidiaria a Fundación San Rosendo. Ademais, tamén se impoñen a Benigno Moure dez meses de multa a razón de seis euros diarios. Pola contra, Benigno Moure resultou absolto dos delictos de falsificación de documento público e mercantil, así como dos delictos de estafa. No entanto, o notario Afasto Calatayud si é condenado a pagar unha multa durante oito meses, a razón de 15 euros diarios, por falsificación dun documento público, aínda que si queda absolto das acusacións de estafa que lle imputaba a acusación particular. A sentenza da Audiencia Provincial, estima probado que o sacerdote se aproveitou da "deterioración progresiva e irreversible da capacidade intelectiva" de María Vázquez -que sufría unha demencia senil- "coa intención de transferir ilicitamente á Fundación San Rosendo" o diñeiro das súas contas e o obtido trala venda de varias propiedades da anciá e do seu home, que xa morrera. O sobriño da anciá, César Vázquez Romero, que era o seu único herdeiro, cualificou de "ridícula" a sentenza, tanto nos termos económicos coma na inhabilitación a Moure de "só tres anos" para dirixir institucións asistenciais. "Este señor non pode exercer xamais porque casos como o da miña tía poderían volver repetirse", advertiu. Ademais, estimou "insuficiente" que Benigno Moure teña que devolver os 573.673 euros da herdanza da anciá máis os intereses legais porque defendeu que supón "perder moito poder adquisitivo" respecto a hai dez anos. Por iso, asegurou que, xunto aos seus avogados, mirará "con lupa" a sentenza, mais avanzou que é "case seguro que se vai recorrer". Así mesmo, reclamou que o Parlamento galego impulse unha auditoría externa das contas da Fundación San Rosendo porque alertou de que, "nestes anos creceu de xeito desorbitado" nun sector no que cre que "é imposible facer ese capital en tan pouco tempo". Neste senso, apelou á responsabilidade da Administración autonómica para vixiar o uso de fondos públicos porque, segundo os seus datos, "o ano pasado San Rosendo recibiu catro millóns de euros en subvencións públicas".
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|