 |
Trala polémica levantada pola afirmación do futuro presidente do Consello italiano, Silvio Berlusconi, en relación á falta de mulleres capaces de introducirse no mundo da política, onte prometeu nomear catro ministras e as súas favoritas son tres... |
Atractivas (sobre gustos non hai nada escrito), son perfectas para seducir ao votante-espectador, e fixéronse as raíñas de Youtube.it.
Michela Vittoria Brambilla, ex-presidenta da patronal de novos comerciantes e filla dun rico empresario alimentario, é coñecida como Brambilla calze autoreggenti, porque ensinou varias veces ás cámaras as súas medias autocolantes. Logo o importante deben ser as súas pernas e non a súa cabeza.
Stefania Prestigiacomo, ministra de Igualdade de Oportunidades no seu segundo Gabinete, presentábase así no seu currículo cando estaba no Goberno: "Católica, casada, muller de negocios". Un dechado de virtudes, sobre todo polo de católica e casada.
A 'honorable' deputada Mara Carfagna, ex-modelo, non dubidou en deixarse filmar en bañador nin en ofrecer primeiros planos do xeneroso escote.
Non só o multimillonario se deu conta das virtudes de Carfagna, a mismísima muller de Berlusconi, á que non lle incomodou poñer os seus celos de manifesto e esixiu, mediante unha carta a un diario nacional, que o seu marido lle pida desculpas públicas por dicir que, se por el fora, casaría coa modelo e até se iría con ela ao cabo do mundo.
Isto é penoso. Alguén imaxina escoller un ministro polo seu atractivo físico (ou poñéndose a equiparar e sendo ordinarios, un chuletas marcapaquete ou de cú respingón e pectorais de tableta de chocolate, a ser posible que teña posado en coiros ou case) coñecido por calquera cousa agás a súa capacidade intelectual e política?
Berlusconi o que quere son mulleres coa pata quebrada e na casa ou obxectos decorativos que locer a modo de floreiro nos despachos.
Hai moito incapaz, mafioso, larchán, ladrón e machista, que non deixa de ser un anano - e non pola súa estatura - cunha mente máis que obtusa, que se quere meter a gobernar un país cando non sabe nin controlar a súa neurona, conectada a certa parte que a obviedade me permite omitir.
E logo permítese criticar ás ministras españolas, especialmente a Carme Chacón. Xa lle gustaría contar no seu gabinete con alguén da súa valentía e enteireza!
É toda unha heroicidade ir a Afganistán no estado en que foi esta muller, unha viaxe de risco de por si, e moitísimo máis cunha gravidez de máis de sete meses, cando non recomendan facer viaxes de máis dunha hora de distancia da casa.
Chapeu por Carme, e chapeu por todas as ministras españolas e, en xeral, por todas as mulleres que neste país teñen o valor e a valía de dedicarse á política, sexan do partido que sexan.
A Soraya Sáinz de Santamaría, voceira do PP, tamén lle expresamos a nosa solidaridade. Ninguén ten dereito a meterse na súa vida privada, nin a COPE nin o bispo de Roma. Como voceira do PP pódese criticar ou non, mais nunca como muller, como persoa dona da súa vida e da súa privacidade.
Cada un ten os gobernantes que se merece e aí, sentíndoo moito polos italianos, nós saímos moito mellor parados.
Comentarios () |
|
|
|
|
|