 |
Os cidadáns teñen dereito por lei a ser atendidos en galego na sanidade pública galega e, de feito, os volantes médicos, as receitas e os impresos para calquera trámite tamén aparecen nesta lingua. No entanto, trala atención médica, o usuario só pode atopar medicamentos cos prospectos escritos en castelán. |
A Federación de Farmacias de Galiza considera "beneficioso" reverter esta situación posto que o galego "é oficial", mais advirte de que a industria é "remisa" a calquera cambio que non lle reporte ningún beneficio. "Sería loable, pero non a vexo (á industria) polo labor", lamentou o presidente da federación, Fernando Guerreiro.
Pharmamar, que destaca pola súa investigación biofarmacéutica, asegura que "é un tema que non depende das farmacéuticas" senón da Axencia Española do Medicamento que, con todo, outorga á industria a responsabilidade.
Unha das solucións sería conseguir un prospecto multilingüe, como as instrucións dos aparellos electrónicos, mais, unha outra vez, matizou Guerreiro, este cambio "supedítase á vontade das industrias" e dubidou de que as farmacéuticas "tomen esta decisión".
Fontes do Ministerio de Sanidade indicaron que os medicamentos son avaliados pola Axencia Europea do Medicamento e, unha vez que acepta a entrada na UE, España fai "unha especie de convalidación" e rexístrase na Axencia Estatal do Medicamento, para o que só se obriga a traducir ao castelán os prospectos.
En contraposición a esta situación, a lexislación, en base ao Estatuto de Autonomía da Galiza no que se afirma que o galego é a lingua propia, establece o dereito dos cidadáns ao uso do galego, oralmente e por escrito, na Administración e, consecuentemente na sanidade.
Comentarios () |
|
|
|
|
|