 |
Galiza Nova apelou a todos os mozos a quitar o "medo" e "atreverse a falar en galego" coa campaña que iniciou con motivo do Día das Letras Galegas, que apoia a manifestación do 18 de maio convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística baixo o lema 'Polo dereito a vivirmos en galego'. |
A Secretaria xeral da mocidade do BNG, Iria Aboi, expresou o seu apoio á Mesa e promoverán, paralelamente, a asistencia da xente nova á marcha do 18 que se celebrará, un día despois da festividade das letras, en Santiago de Compostela baixo o lema propio: 'Por que lle tes medo ao galego? Atrévete!.
Precisamente, este slogan é o que ilustra os 30.000 dípticos que se repartirán nos centros de ensino, bares, centros de ocio, universidades e, en definitiva, aqueles lugares frecuentados polos mozos; así como os 15.000 carteis e as chapas que distribúe Galiza Nova dende hoxe.
Iria Aboi apuntou que a sección nova nacionalista promove diferentes actividades nas bisbarras galegas, como a proxección de documentais sobre a lingua propia ou o visionado de audiovisual galego e en galego. Xunto a iso, Galiza Nova impulsará actividades nos centros educativos, coa colaboración dos equipos de normalización lingüística e farán chegar aos representantes de alumnos as actividades que se levarán a cabo.
Na súa intervención, a secretaria xeral recalcou que o galego se atopa nunha situación "alarmante" e aludiu a datos que revelan esta circunstancia, como que "ningunha universidade supera o 20 por cento de ensino en galego" ou que só o 1,6 por cento dos pais en Ferrol e o 4,6 en Vigo lles falen aos seus fillos na lingua propia.
Así mesmo, advirten de que existe un "novo fenómeno de bilingüismo" en Galiza, por parte dalgunhas asociacións, que "o único que pretenden é a diglosia, a favor do castelán", ou o que é igual: "a negación do dereito do uso do galego", sentenciou.
Comentarios () |
|
|
|
|
|