
| Prezo "xusto" polo leite e a carne |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Mércores, 30 de Abril do 2008 | Galiza | |||
'Prezos xustos para o leite e a carne. Solucións xa' eran o lema da pancarta que portaban os líderes dos tres sindicatos agrarios galegos convocantes da manifestación --Unión Agrarias (UU.AA.), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XX.AA. )-- e tras a que se situaron os gandeiros que finalizaron o seu percorrido enchendo a Praza da Quintana. Media hora de percorrido acompañados en todo momento por cánticos reivindicativos ou de reprobación que resumían a situación do sector: 'Prezos xustos, rendas dignas','Abonda xa do roubo da industria' ou 'onde están os nosos beneficios?'. Precisamente, nos últimos dous meses abóanselle nove céntimos menos por litro no caso do leite, mentres na carne os prezos caeron ao mesmo valor que hai 20 anos. "Trátase dun berro de dignidade", proclamou na Praza da Quintana o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, cando a remataron de abarrotar os gandeiros. Alí, arengounos a "non dar un paso atrás" até que non exista un acordo coa industria cun prezo "estable e xusto" para a carne e o leite que producen. Este sindicalista considerou paradoxal que dende as administracións central e galega se aposte por un "novo" rural, cando alertou que, de seguir así, o será pero por non contar con gandeiros nel. Unha situación que "non é só problema dos gandeiros", aclarou a secretaria do SLG, Carmen Freire, xa que advertiu de que o que "está en xogo é a alimentación, o que afecta a toda a cidadanía". |
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|