
| IV Premio José Couso |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Domingo, 04 de Maio do 2008 | Comunicación | |||
En coincidencia coa celebración do Día Internacional da Liberdade de Prensa, os organizadores do Premio -o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova- comunicaron en Ferrol que José Vidal Beneyto foi elixido como gañador dun Premio que recoñece a aqueles profesionais destacados na defensa da liberdade de prensa ou cunha traxectoria profesional libre e independente. Vidal Beneyto, nacido en Carcaixet (Valencia) en 1929, é colaborador habitual de 'El País', 'Europa Zeitung' e 'Le Monde Diplomatique'. Estudou Filosofía, Socioloxía e Dereito, e desenvolveu importantes traballos ao redor da comunicación, a cultura, a globalización e o desenvolvemento comunitario europeo. É Director do Colexio de Altos Estudos Europeos Miguel Servet de París, Secretario Xeral da Axencia Europea para a Cultura da UNESCO e Presidente da Asociación de Usuarios da Comunicación (AUC) de España. En 2006, foi nomeado doutor 'honoris causa' pola Universidade de Valencia polo seu traballo a favor da socioloxía do coñecemento en España. O seu nome unirase agora ao dos outros tres premiados con anterioridade: o xornalista marroquí Ali Lmrabet, o xornal francés 'Le Monde Diplomatique' e o estadounidense Jon Lee Anderson. O galardón será entregado o próximo día 16 de maio en Ferrol nun acto que comezará ás 20.00 horas no Teatro Jofre, que contará coa presenza de Vidal Beneyto e no que a Real Filharmonía de Galicia interpretará un concerto inédito dedicado á liberdade de expresión composto por un músico ferrolán.
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|