|
Redacción MundoGaliza
|
Martes, 06 de Maio do 2008 |
Internacional
|
 |
Polo menos 15.000 persoas morreron en Birmania, 10.000 delas na localidade de Bogalay, tralo paso do ciclón Nargis polo país, segundo informou o ministro de Asuntos Exteriores, Nyan Win. O ministro tailandés de Asuntos Exteriores, Noppadol Pattama, asegurou en Bangkok que o embaixador birmano lle comunicou que hai unhas 30.000 persoas desaparecidas no país. |
A estas cifras hai que sumar por centos de milleiros de damnificados, de acordo cos cálculos da ONU. As autoridades do país declararon o estado de urxencia nas rexións de Irrawaddy, Pegu e Rangún e os estados Karen e Mon o sábado pasado, cando o ciclón atravesaba a rexión.
Onte á noite, o réxime militar birmano aceptou a axuda que lle ofrecía a comunidade internacional, aínda que 800 toneladas de arroz seguen paradas nos almacéns do Programa Mundial de Alimentos á espera da autorización oficial para que sexan distribuídos.
Está previsto que hoxe chegue a Rangún o primeiro cargamento de alimentos, menciñas e demais material de urxencia procedente de Tailandia, un dos maiores socios da Xunta Militar.
En Rangún, milleiros de árbores quedaron arrincados de raíz polos ventos que alcanzaron unha velocidade superior aos 190 quilómetros por hora e atrancan o paso pola rúas, sobre as que abundan os cascallos dos milleiros de tellados levantados polo ciclón. A situación ao sur da que fora a antiga capital do país é moito peor, segundo os relatos de birmanos chegados desde esa zona.
Comentarios () |
|
|
|
|
|