
| Manifestación contra Reganosa |
|
|
| Redacción MundoGaliza | Sábado, 10 de Maio do 2008 | Sociedade | |||
A protesta transcorreu sen incidentes, escoltada pola Policía Nacional e ante a presenza de varios furgóns de antidisturbios, polas distintas rúas do centro de Ferrol e con paradas ante as sedes dos principais accionistas de Reganosa, para poñer "nome e cara" aos responsables dunha instalación que o Comité considera unha "ameaza para a vida da poboación". A mobilización celebrouse dende as 18.00 horas, a pesar de estar prohibida pola subdelegación del Gobierno, que no día de onte comunicou ao Comité que a protesta non estaba autorizada debido á súa "comunicación extemporánea", ao ser solicitada sen cumprir o prazo previsto. Nembargantes, dende o Comité mantivo a convocatoria e o percorrido previsto. O seu voceiro, Manuel Rodríguez Carballeira, asegurou que a manifestación foi anunciada á subdelegación por fax o mércores, "hai 48 horas, con maior antelación que moitas das 19 concentracións que se realizaron ata o momento ante a entrada na ría de buques gaseros para Reganosa". Rodríguez Carballeira resaltou que algunhas protestas se convocaron no mesmo día da súa celebración, porque "non sabe cando vai chegar un gaseiro", sen que ata o momento fosen nunca prohibidas. Os manifestantes, tras unha pancarta na que demandaban o traslado de Reganosa ao exterior da ría e alertaban da "ameaza" que supón para a poboación, iniciaron a mobilización ante a Xunta de Galicia, xa que a administración autonómica participa no capital de Reganosa nun 10%. A continuación, a marcha dirixiuse cara ao supermercado de "Gadis" no barrio de Esteiro -o Grupo Tojeiro posúe o 18% de Reganosa-, ante o que colocaron un cartel no que se lía a seguinte frase: "Sabías que Tojeiro, dono de Gadisa, é o propietario do 18% da planta de gas de Reganosa que ameaza a vida de miles de persoas, a ría e o Patrimonio?". Con paradas e carteis similares, continuou a protesta ante as sedes de Caixanova e do Banco Pastor -dispoñen dun 5% de Reganosa cada unha das entidades-, de Unión FENOSA -conta co 21%- e Caixa Galicia -accionista nun 10%-, até finalizar de novo ante a praza de España. Con esta mobilización, o Comité Cidadán, constituído en 2001 por máis dun centenar de asociacións, continúa coas súas accións de protesta contra a situación de Reganosa no interior da ría, por entender que incumpre a distancia mínima esixida á poboación e que non pode acreditar que os buques gaseiros realicen saídas a alta mar en casos de emerxencia.
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|