
| Adiante Comités! |
|
|
| Xabier Pérez Igrexas | Domingo, 11 de Maio do 2008 | Sinaturas - Xabier Pérez Igrexas | |||
Os "Comités" son o resultado da converxencia nunha única organización de carácter confederal dos Comités Abertos de Estudantes (CAE) e dos Comités Abertos de Facultade (CAF), que na praxe, dende hai case un decenio xa operaban na práctica de maneira coordenada por non dicer conxunta. Os CAE e mailos CAF, constituídos na década dos 80, ocupan unha páxina destacada na historia recente do movemento xuvenil nacionalista do noso país. A súa achega ao nacionalismo, dende a súa total independencia organizativa, que nunca foi óbice para aproveitar as sinerxías con outras organizacións nacionalistas como a CIG ou Galiza Nova, ten sido fundamental, sendo chave o seu papel nos principais procesos mobilizadores que se viviron en Galiza. Os mellores exemplos da súa importancia social, resultado da súa ampla representatividade entre o estudantado (cabe lembrar que tanto os CAE en ensino meio como so CAF na universidade eran as organizacións maioritarias), foron sen dúbida o proceso mobilizador do "Nunca Máis" e do "Non á LOU", onde o estudantado galego situouse na vangarda do Estado, exercendo de motor da resposta social do noso povo. Pouco ou nada ten que envexar o estudantado que participou, que participamos, desos procesos e doutros (contra a Lei de Calidade e a de FP, contra a suba das taxas, pola abolición da selectividade, pola gratuidade dos libros de texto, contra a invasión do Iraque…) ao acontecido en París en maio do 68. Dese maio francés podemos extractar unha das consignas máis repetidas: unidade á base. A enerxía, as gañas de cambiar as cousas, a entrega militante a prol da causa colectiva, a creatividade, a participación e unha concepción da política ao servizo das persoas e do noso país, poden ser os elementos que describan a traxectoria do movemento estudantil nacionalista. Moito ten que ver o feito de que existisen dúas organizacións nacionalistas formadas por estudantes coa evolución electoral, de progresivo aumento do respaldo social, que obtivo o nacionalismo galego nestas dúas últimas décadas. Unha das máis importantes contribucións dos CAE e máis os CAF ao noso país, ten sido a de ser axentes moi importantes na creación de conciencia nacional, incidindo directamente na mocidade. Os "Comités" herdan ese inmenso legado do que forman parte co propósito de relanzar o movemento estudantil nacionalista, dende os valores que historicamente conformaron o seu discurso: democracia, asemblearismo, autonomía e apertura. Ábrese pois un novo ciclo, unha nova etapa, que sen dúbida, grazas ao inxente traballo das persoas que forman parte da nova organización do estudantado galego, será a do medre definitivo, sobre o que se artellará unha parte significativa da expansión social do movemento xuvenil nacionalista, e do nacionalismo galego en xeral. Os meus sinceros parabéns á nova organización, inda que deste fito histórico nos sintamos tamén protagonistas todas/os e cada un/unha das persoas que achegamos o noso grao de area aos extintos CAE ou CAF, ao longo da súa historia. Cos Comités na rúa, a loita continúa!
Xabier Pérez Igrexas, ex-Secretario Xeral dos Comités Abertos de Estudantes (2002-2004).
|
|||
| Seg. > |
|---|