
| Indiana Jones na procura da dobraxe prohibida |
|
|
Isto é o que denuncian a Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, e APRADOGA (Asociación de profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galiza) que esta mañá presentaron en Santiago de Compostela a campaña conxunta “Indiana Jones na procura da Dobraxe Prohibida”, pola que se van distribuír tres mil cartaces e sete mil adhesivos, sobre todo entre a xente nova. Ademais, convídase a que o conxunto da poboación lle envíe correos electrónicos de protesto ao presidente da Xunta ( Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ), de quen depende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, reclamando que cumpra os seus compromisos de dobraxes de filmes ao galego. Fran Rei, responsábel nacional da Mocidade pola Normalización, recordou que “se trata dunha reivindicación de vello” baseada no dereito que temos “como galego falantes, non só de poder expresarnos en galego, senón de ter acceso a unha oferta cultural no noso idioma”. Rei salientou que “o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado hai catro anos no Parlamento Galego co apoio das tres forzas políticas con representación, recolle que, cando menos, deben dobrarse á nosa lingua dez filmes ao ano de entre os que presenten mellores expectativas comerciais: non hai que ser moi observador para ver como isto non é así”, concluíu. “No que levamos de ano, só se estreou un título en galego, Pradolongo, algo do que hai que felicitar ao seu director, Ignacio Vilar; e unha fita de animación, A crise carnívora, vai chegar aos cinemas en galego ao fin desta semana”. O responsábel da Mocidade pola Normalización Lingüística informou de que “desde a asociación nos puxemos en contacto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística a principios de xaneiro, unha vez que nos chegou a información de que Indiana Jones se ía estrear en catalán e mesmo se lle trasladou esta solicitude nunha entrevista coa titular deste departamento. Nin tan sequera descolgou o teléfono para negociar coa distribuidora, Paramount, a pesar de que esta empresa estaría disposta a dobrar ao galego se chegase a un acordo coa Xunta como o que chegou coa Generalitat. Fran Rei foi aínda máis alá: “Se en moitos aspectos A Mesa denuncia que a actuación da actual Secretaría Xeral é continuísta coa política levada a cabo polo PP, no tocante ao cinema podemos dicir que mesmo houbo un paso atrás”. “O ano pasado tan só se estrearon dous filmes con opción de galego, cando a media viña sendo de tres ao ano”, dixo Rei, quen explicou que “ademais, as copias que se proxectan en galego fano en condicións de abafante desigualdade a respecto da oferta en castelán”. “A situación é tan calamitosa que non chegamos nin ao 1% de filmes estreados en galego nas salas comerciais”, concluíu. Pola súa banda, Gaspar Somoza, secretario de APRADOGA, asegurou que a súa asociación, constituída hai dous anos, “ten precisamente entre os seus obxectivos promover o aumento da dobraxe de produtos audiovisuais á nosa lingua, non só polo interese puramente laboral, senón polo que poida contribuír á normalización do noso idioma”. Somoza salientou que “aquí contamos cun dos mellores equipos técnicos para posprodución e dobraxe de todo o Estado, e un estupendo capital humano; o que fai falta é vontade”. O secretario de APRADOGA recordou que unha das principais reivindicacións da súa asociación é a creación dun servizo autonómico de dobraxe e lexendaxe, tal e como existe en Catalunya.
|
|||
| < Ant. | Seg. > |
|---|