 |
En Santiago de Compostela, nos anos nos que eu fun estudante, celebrábase Santo Tomás con letanías burlonas.
Recordo unha que dicía: Das nenas que din “coño” sen saber o que din.
Liberanus Domine. |
Eu era dunha inocencia pasmosa, raiando na estupidez.
Dese xeito decateime que tampouco sabía o significado de devandita palabra.
Estes días oín da boca de don Mariano, “coño” dúas veces.
El estudou Dereito na mesma Universidade.
Preocupoume. ¿Saberá don Mariano o que significa esa palabra?
Ou lle pasa como ao meu sobriño neto de tres anos, que aprendeu no colexio a dicir carallo sen saber o seu significado.
Ao neno expliqueille que iso se dicía pene e xa non dixo máis carallo, polo menos na miña presenza.
Eu creo que don Mariano si sabe o que quere decir “coño”.
Non me gusta que use esa palabra como taco.
Hai palabras como “coñazo” ou “coño” que ofenden ou deberían ofender á metade dos votantes.
Creo que ese señor non lle diría iso á súa nai nin á súa señora.
Son algo mal pensada.
Quizá queira así conseguir os votos dos que usan unha linguaxe vulgar na súa vida cotiá.
¿Terei que dicirlle ao señor “Lomoy”, tradución castelá do seu apelido, que escribe con ortografía lusitana, como se chama ese órgano diferenciador da muller, ou saberao el soíño?
Eu del, para salvar a unidade da patria, cambiaría o meu apelido.
Si, sei que non son nada razoable pero non estaría mal.
Atopariamos sorpresas chocantes.
¿Cómo traduciríamos ao castelán Cuíña, Feijoo, Fraga, Beira, Riobó, Pedreira, Regueira, Palmou?
Sabemos que os apelidos non se traducen, pero non traducilos - podendo facelo coa Lei na man- en certas persoas, parece ser unha grande contradición ideolóxica.
Odian os idiomas que configuran a nosa España plural (algún prefire chamalos periféricos), non é que prefiran un a outro é que odian o que eles non usan. Deberían en consecuencia traducir os seus apelidos ao castelán e así a súa concepción de España non se vería manchada, aos seus ollos, con apelidos en galego-portugués.
PD/Por certo.
¿Saben vostedes o que quere dicir?
“¡ESPAÑA UNA, NO CINCUENTA Y UNA!”
¿De verdade que a dereita-centrípeta cre que hai cincuenta e unha comunidades autónomas na España, ou se refiren á formas da fala?
¿Tanta ignorancia hai? ¡Non o podo crer!
Nos libros de primaria dise: “España componse de dezasete comunidades autónomas; fálanse catro idiomas tres románicos (galego, castelán e catalán) e outro de orixe descoñecida, o euskera ou vascuence.”
Pero non nos fiemos dos mestres, adoutrinan aos nenos e aprovéitanse da súa inocencia.
Recordemos que os levaron a ver o chapapote do “Prestige” só para ridiculizar a Don Mariano e os seus “hilillos de plastilina”.
¡Que pouca vergoña! ¡Con Franco iso non pasaba!
Comentarios () |
|
|
|
|
|