 |
O 10 de marzo do 1972 morreran de tiro de bala dous obreiros en Ferrol. As forzas democráticas que naquel entón se movían na Coruña, fixeramos unhas octavillas denunciando os feitos e chamando á solidariedade con Ferrol. O Movemento Democrático de Mulleres (MDM) era unha daquelas forzas. |
Eu ía repartilas no porto. Levábaas nun bolso grande. Pilar Valiño advertiunos que en Pepsa había un gardián chivato. De esguello, vin que se achegaban dous gardas civís e non me quedou outra que desfacerme das octavillas. Tireinas en bloque segundos antes de que me detivesen os gardas. Como por milagre saíu un traballador do Frigorífica e sacounas do medio. A parella da garda civil meteume nun almacén de peixe. Alí entregáronme á brigada social.
No meu bolso non había máis nada que o meu DNI, pero no peto da miña chaqueta, había unha servilleta de papel co teléfono de José Luís Méndez Romeu. Non tiña onde desfacerme dela e comina. Custoume tragala, pero, polo menos, destruín cos dentes o número do teléfono e o nome. Naquel momento, recordei que había tribos africanas que, para saber cal dos sospeitosos era o culpable, facíanlle comer unha pasta seca, o que non a tragaba era o culpable. Eu non puiden tragar aquela pequena bóla.
En comisaría interrogoume un social que eu supuxen de orixe manchega ou andaluza. Preguntoume que facía eu polo porto a aquelas horas. Eu respondinlle cunha pregunta: «Vostede non é de aquí, verdade?». Ao responderme que era extremeño, limíteime a dicirlle: «para qué explicarlle o que é o Muro para un coruñés, se non o entendería». O meu bolso era demasiado grande para levar soamente un peite e un DNI. Preguntáronme para que levaba aquel bolso. Dixen que no Muro, sempre se pode comprar algo de peixe.
De comisaría leváronme ao cuartel da garda civil. Eu tiña medo, aínda que trataba de que non se me notase. Alí fixéronme un careo cun rapaciño ao que, segundo os gardas, eu lle dera a tarde anterior a propaganda. O pobre rapaz estaba cheo de golpes, a súa cara sangraba e case sen mirarme dixo «si, é ela». Eu enfurecínme, díxenlles aos gardas: Se me pegan como lle fixeron a el seguramente eu asinaría que matei a José Antonio! Veremos o que lle di ao xuíz, cando vostedes xa non poidan golpealo.
Ao chegar ao xuíz pedín un careo co raparigo. O maxistrado díxome: «non fai falta. O mozo declarou que non a coñecía a vostede de nada; que a garda civil lle mostrou unha foto súa e con golpes obrigárono a asinar unha declaración falsa». O xuíz deume a posibilidade de fuxir, xa que decretou a miña liberdade provisional. Deille as grazas, mais non aceitei a súa proposta de saír do xulgado cun oficial ata despistarmos a policía. Estabamos xa no tardo franquismo e non me pagaba a pena ser unha fuxida por dous meses de cárcere.
A policía seguía na porta do xulgado. Aplicáronme a Lei 16/1970, de 4 de agosto, sobre Perigosidade e Rehabilitación Social. Iría ao cárcere cunha multa gubernativa de 250.000 pesetas, que para recorrela había que pagar no acto en papel de pagos ao Estado.
Ao cárcere por terceira vez. Iso era un alivio, xa coñecía ás funcionarias, que eran unhas persoas amables, e alí non podía entrar a policía nin a garda civil, co cal me sentía protexida.
Coñecín tres persoas excepcionais: Fina Varela, Sari Alabau e Mela, a Carboeira. Mela era unha persoa terriblemente solidaria que gardaba esa sensibilidade baixo unha apariencia dura. Vendía peixe na praza de Ferrol. Pregunteille de que a acusaban e contestoume: «de romper todos os ovos que puiden». Que resposta tan insólita pareceume naquel momento! Non me coñecía e non pensou en darme máis explicacións. Mela non aprendera a ler, na súa nenez repartía carbón polas casas. Pasou moita fame, collía as algarrobas dos cabalos da Mariña, para comelas. Dicía que eran como chocolatinas. Tiña orgullo e dignidade.
Propuxémoslle ensinarlle a ler e a escribir, ela aceitou se a cambio nos puidese ensinar algo. A min ensinoume a lavar os pantalóns vaqueiros polo revés, cun cepillo, e así empezamos o intercambio, no que ela me ensinou moito máis do que eu puiden ensinarlle. Lembrar todo o que ela me ensinou logo de tanto tempo resulta difícil. Pero intentarei algunhas pinceladas.
Ela vivía unha vida moi distinta da miña. Baixo unha apariencia tosca, agochábase unha muller chea de tenrura, amante dos seus fillos e solidaria cos parados. Explicoume como levaba o seu negocio. Compraba na lonxa cada amencer e empezaba a vender ata recobrar o investido e poder levar algo para casa. A partir das doce comezaba o saldo. Coñecía todo Ferrol. Sabía quen tiña problemas de diñeiro e quen non. A partir das doce o seu peixe non tiña prezo fixo, regaláballo aos parados, aínda que coa súa picaresca facía que non se notase: «Xa mo pagarás mañá que hoxe teño moito traballo!».
Por fin explicoume o de «romper ovos». A mañá do 10 de marzo chegou a noticia ao mercado de que morreran traballadores de Bazán por mor de balas disparadas desde o alto da igrexa de San Xiao. Os vendedores pecharon os seus postos para acudir ás portas da fábrica. Todos menos unha vendedora de ovos. Mela pediulle que pechase en solidariedade con todos os demais, a muller negouse e Mela non soportou a negativa, agarrou a persiana e baixouna rompendo moitos ovos. E por isto ela díxome que estaba presa por romper todos os ovos que puido.
En maio, ao saír do cárcere, o meu home e eu, como moitos outros, quedámonos sen traballo. Mela traduciuno rapidamente ao seu mundo: non hai traballo non hai comida. Durante tempo estivo invitándose os domingos á miña casa. Traía patacas e peixe pequeno salgado do que lle sobraba da venda (dicía ela) e o deixaba na miña casa para que non nos faltase comida durante toda a semana. Danse vostedes de conta con que sutileza practicaba a xenerosidade?
Un triste día chegoume a noticia da morte do seu fillo máis vello, fun vela. Outra vez máis deume mostras da súa fortaleza e do seu bo corazón. «Vés darme o pésame por Javi?», espetoume nada máis verme, e sen deixarme responder seguiu «ti sabes que Javi foi sempre o meu preferido, matouno a droga, deixou de sufrir e deixoume unha nora e un netiño. Non quero pésames! Teño que loitar por este neto!».
Agora Mela xa non está connosco; pero mentres a recordemos non morrerá de todo.
Artigo pubricado no nº 45 de Andaina inverno 2006-2007. www.andainamulleres.org/
Comentarios () |
|
|
|
|
|