| A vicevoceira parlamentar do BNG e voceira na área de Igualdade, Ana Pontón, criticou duramente a composición do novo goberno galego xa que, tal e como indicou, “as primeiras decisións do novo presidente xa demostran que os feitos non sosteñen as promesas e compromisos que ten adquirido na Cámara”. Asi, Pontón subliñou que Núñez Feijóo tense comprometido a que os eixos do seu labor nestes vindeiros anos xiren encol do “cumprimento da lei e dunha rexeneración ética” e, pola contra, “co nomeamento do seu goberno incúmprense os dous aspectos”. |
Mais é no primeiro destes dous pontos no que quixo incidir de xeito especial xa que, tal e como lembrou, “a lei de igualdade di que a porcentaxe do sexo menos representado no Consello da Xunta non pode ser menor ao 40%” e, neste caso, dos once membros do Consello da Xunta, só catro son mulleres, isto é o 36,36%.
“Cremos que isto supón un paso atrás en conquistas que se teñen dado para favorecer a igualdade das mulleres no ámbito político”, indicou Ana Pontón, ao tempo que lembrou que no anterior goberno a porcentaxe de mulleres no Consello da Xunta superaba ese 40% mínimo marcado por lei.
Para alén disto, a portavoz de Igualdade afirmou que “esta decisión supón lanzar unha mensaxe perigosa porque se o goberno incumpre a lexislación está a dicer que se trata dunha cuestión menor”, e, pola contra, para o BNG, “é necesario camiñar cara unha sociedade máis democrática e igualitaria”.
Neste sentido, a deputada nacionalista vai rexistrar unha pergunta na Cámara Galega na que pedirá explicacións ao presidente da Xunta, ao tempo que o instará a rectificar nunha decisión que é “moi grave desde o ponto de vista simbólico e polo que representa que un goberno inicie a súa andaina incumprindo a lei”.


Twitter
Myspace
Chuza
Digg
Del.icio.us
Yahoo
Technorati
Googlize this
Facebook
Wikio
Meneame