Trinta persoas promoven o manifesto a prol do galego

Mércores, 23 Xullo 2008 18:36 Redacción MundoGaliza
( 0 Votos )
smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
mesamanifestomedios
Este mediodía presentouse en Santiago de Compostela o “Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego”, promovido por unha trintena de persoas representativas de diferentes eidos da sociedade galega.

O documento, que foi lido polo presentador da TVG Xosé Manuel Piñeiro, comeza lembrando que “o pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia, orixinaria, sexa oficial a todos os efectos” e denuncia os intentos de “convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país”.

 

Esta “inversión da realidade” ten como obxectivo, segundo os promotores do manifesto, “que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.”

 

“É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia”, salienta o manifesto, que apela ás institucións de autogoberno a se compromoteren “na defensa da plena igualdade de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos”.

 

Ao manifesto poderán sumarse os colectivos e cidadáns que así o desexaren a través do web da Mesa, www.amesanl.org, e doutras páxinas.

 

PROMOTORES DO MANIFESTO (POR ORDE DE NOME) 

Alfonso García Sanmartín (presidente da Asociación Galega de Editores)

Ana Kiro

Avelino Pousa Antelo

Benigno Pereira (presidente da Rede Galega de Empresas)

Bernardino Graña

Carlos Blanco

Carlos Callón (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística)

César Portela

Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega)

Eva Castro

Francisco Leiro

Ignacio Vilar

Isaac Alonso Estravís

Jorge Mira

Luís González Tosar (presidente do PEN Clube – Galiza)

Manuel Gallego Jorreto

Manuel Rivas

Marcelino Fernández Mallo

Mercedes Peón

Nemésio Barxa

Teresa Moure

Sole González (presidenta de IRIMIA)

Uxía Senlle

Xoán Costa (presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega)

Xosé Lastra (presidente de Nova Escola Galega)

Xosé Luís Méndez Ferrín

Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza

Xulia Vaquero

Xurxo Patiño (presidente da Federación Galega de Libreiros)

Yolanda Castaño

 

 
 

Comentarios  

0 LOIS DE SILÁN 24/07/2008 02:44
Comentemos logo!

"1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial."

Com. Se o ámbito territorial do galego é o territorio do Estado español no que está asentado o galego e non só o das catro provincias da Comunidade Autónoma da Galiza (CAG) entón concordo na demanda de oficialidade TAMÉN do chamado galego exterior; mais, se o manifesto entende por territorio do galego só o das catro provincias, daquela, esa oficialidade "a todos os efectos" xa está recoñecida no ordenamento xurídico vixente e aplicábel. Cousa ben distinta é, como é ben sabido, que o ordenamento xurídico sexa ou non respectado polos suxeitos de dereito e, especialisimame nte, polos órganos xurisdicionais do Estado español.

"Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu."

Com. Os usuarios do galego son suxeitos de dereito, persoas físicas ou xurídicas, o castelán, o galego ... as linguas non! Carece, daquela, da máis mínima lóxica, congruencia ou coherencia pretender equiparar o estatus legal dos suxeitos do dereito co dun obxecto do dereito. Así e todo entendo que o manifesto quere expresar que: na Galiza na súa lingua territorial propia coma en Castela na súa coma en ... na súa; sen prexuízo de usarmos linguas alleas con quen lexitimamente aínda descoñeza a lingua propia do territorio (como acontece en Castela!). Dito doutro xeito, que no territorio propio do galego calquera galegousuario teña interlocutores en galego (médico, xuíz, notario, tendeiro, radio, TV, internet, ... ) como no territorio propio do castelán calquera castelanusuario ten interlocutores en castelán.

"2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra."

Com. Certamente!

"Son os falantes do galego os que resultan discriminados."

Com. É evidente que os USUARIOS (uso activo ou falar e escribir; uso pasivo ou ouvir e ler) do galego no seu territorio propio (na Galiza) non podeMOS usar o galego (por falta de interlocutores na lingua propia do territorio) como si podeMOS usar o castelán os usuarios do castelán no seu territorio propio (en Castela);mais, que os galegousuarios resulten masiva e sistematicament e discriminados no territorio propio da súa lingua e por mor de lingua non significa que sexa imposíbel a discriminación no territorio propio do galego dos castelanusuario s e tamén por mor de lingua (v. g.: trato prexudicial ou desatención na Galiza, por parte de galegousuario que coñece o castelán, a castelanusuario que aínda non tivo tempo de aprender o galego).

"É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados."

Com. Certamente!

"Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia."

Com. Que vivimos unha grande inxustiza é incuestionábel; mais, o da igualdade e o da convivencia merece algunha observación.

A igualdade e non discriminación esixe tratar igual os iguais (os usuarios da lingua propia dun territorio nese territorio coma os usuarios da lingua propia doutro territorio nesoutro) e diferente os diferentes (tratar os usuarios da lingua propia dun territorio nese territorio distinto ou diferente ós usuarios de CALQUERA lingua allea nese territorio). Pois ben, defender igual trato para os usuarios da lingua propia do territorio que para os das linguas alleas, por moi oficial que sexa unha delas, non deixa de ser unha defensa da discriminación e desigualdade lingüísticas.

Da traxectoria da Mesa e da de moitos que se consideran defensores do galego non se deduce precisamente unha efectiva defensa da igualdade e mais da prohibición de discriminación por mor da lingua.

E, a convivencia lingüística esixe recoñecer o outro como un igual, esixe ter claro e facer respectar esa prohibición de discriminación e mais de desigualdade lingüísticas. Esixe ter claro que o castelán, fóra do seu territorio propio, ten unha función de lingua ponte, interlingua ou lingua de INTEGRACIÓN no pequecho universo das linguas españolas e que convén ilo substituíndo por unha outra lingua de maior capacidade como lingua ponte ou lingua de integración entre membros de distintas comunidades lingüísticas.

Convennos ós galegos ter unha lingua que nos permita a comunicación cos membros das outras comunidades lingüísticas do mundo e asemade a eventual integración en calquera outra comunidade lingüística. E o castelán, polo de agora, non ten ese recoñecemento.
Citar
0 LOIS DE SILÁN 24/07/2008 02:45
3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país.”

Com. O realmente preocupante évos a pobreza de respostas que temos na Galiza para a axeitada defensa do noso.

“ Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.”

Com. Coido que non, entendo que o que pretenden é non teren eles OBRIGAS ou cargas lingüísticas, non teren que entender, saber, usar NO TERRITORIO ESPAÑOL lingua distinta á castelá, a aquela na que se senten máis cómodos, incluso como empregados públicos. Obviamente que, se non teñen obrigas ou cargas lingüísticas, alguén quedará sen ver respectados os seus dereitos; mais, isto é un resultado necesario ou (ideo)lóxico, non unha pretensión principal. É unha consecuencia natural da súa SUPERIORIDADE. Polo de agora, déixannos seguir usando ENTRE NÓS a nosa lingua sempre e cando CON ELES usemos a súa.

”4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español.”

Com. Non!, insisto, o verdadeiro problema radica na nosa febleza á hora de AFIRMÁRMONOS como pobos diferenciados con linguas e culturas de noso.

“Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade.”

Com. Insisto!, só se deixamos substituir os nosos intereses polos alleos desapareceremos .

“O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua.”

Com. Foi inexistente!, por iso estamos como e onde estamos.

“O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) ...”

Com. A LNL é anticonstitucio nal por pretender, precisamente, igualar o que é distinto: lingua propia e unha lingua allea.

“ ... e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia.”

Com. Algúns conceptos hai que enchelos de significados sen medo a saír do politicamente correcto.

“Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.”

Com. Non son parvos, os parvos somos quen renunciamos á defensa dos nosos intereses. Propoñámoslles que sexa o galego o que teña eses privilexios!

”5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantiva s, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma.”

Com. Coido que lles fai falta un chisco de axuda ... ás institucións representativas esas ... e un pouco de lume no rabo: que a cooficialidade se estableza con unha outra lingua que permita a comunicación cos membros de calquera comunidade lingüística do mundo e mais a eventual integración de calquera en calquera outra.

“Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos.”
Com. Esperade sentados!, ... lume no rabo!

“Neste labor contarán sempre co noso apoio.”

Com. Lume no rabo!

”6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.”

Com. Non convén alertar! ... sobre todo se implica cavilar!

”Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.”

Com. Sería ben pasar dos discursos ás accións concretas.
Citar

Engadir un comentario

Código de seguridade
Recarregar

sys